venres, 12 de xuño de 2015

OS BALDEIROS

OS BALDEIROS: UN OFICIO EXTINTO
  1. AS ORIXES:
Un baldeiro ou tamén chamado selleiro noutras zonas de Galicia, era un artesá que facía baldes ou sellas. Un balde e un recipiente que serve para transportar e gardar a auga que se bebía nas casas. Este oficio desapareceu coa chegada do plástico e da auga ás casas.
Ramón Miguéns era descendente dunha familia da outra beira do mar, que se estableceu en Vilagarcía a finais do século XVIII. Casou con Carmen López e establecéronse en Pereira. Non se sabe moi ben o motivo, ben se por que a familia dela ela de alí ou porque mercaron unha propiedade na zona (ao lado do río vello de Pereira). Naquel momento o lugar estaba habitado por tan só dúas familias, os Moreira e máis eles; de feito o meu tataravó, Ramón, foi que construíu a fonte das Pías e abriu o camiño ata Guillán polo que hoxe pasa a estrada. A familia dos Miguéns López tiña como modo de vida o  oficio de baldeiros. Tiveron sete fillos (aos homes e algúns xenros ensinoulles o oficio), un deles o meu bisavó, Luís Miguéns López, que estivo na guerra do Rift dende 1919 ata 1924 (incluido o desastre de Annual e o desembarco de Albucemas), cando casou con Josefina Barcala. Xuntos foron vivir a Guillán, a casa matriz de Josefina (situada hoxe no n.º 60 da Rúa Santa María de Guillán). E alí gañouse a vida fabricando baldes que despois a bisavoa vendía nos mercados.

  1. O PROCESO DE FABRICACIÓN DOS BALDES:
Facíanse dous tipos de baldes; un de aros de ferro e madeira de baixa calidade, de uso máis común; e outros moito máis elaborados con aros e demais ferraxes de latón e as duelas (doelas en outros sitios de Galicia) de madeiras nobres como a teca e outras madeiras tropicais, que mercaban as familias máis acomodadas.
A description...Balde feito polo Sr. Luis coas iniciais dos donos.

  • FARRAMENTAS QUE SE UTILIZABAN PARA FACER OS  BALDES:
-Fragua: usábase para fundir e traballar os metais e os ferros.
-Banco: era onde se sentaban para preparar e asentar as duelas e máis o fondo.
-Chazo: ferramenta para axustar os aros dos baldes.
-Trade: instrumento que remata nunha punta de ferro ou aceiro en espiral que serve para facer buratos.
-Escofina: instrumento para limar a madeira.
-Raspeta ou raspilla: para pulir a madeira das duelas.
A description... Museo Casa do Patrón. Codeseda, Lalín.

-Xabreira: ferramenta para facer as entallas das duelas.
-Garlopa: ferramenta para encaixar o fondo nas duelas.
-Torniqueta: instrumento para aguantar e encaixar as duelas.
-Trencha: especie de tesoira para corar o ferro.
-Zafra: para golpear os aros, a tapa ou as asas e darlle forma.
A description...Museo Casa do Patrón. Codeseda, Lalín.

  • ELABORACIÓN:
Para facer os baldes de ferro as veces mercaban bidóns baleiros do piche, aos que lle tiñan que plantar lume para que ardera o piche e quedara o ferro. E logo, coas trenchas, cortaban as tiras de metal a medida dos aros de ferro. Logo ese metal era traballado na fragua onde lle daban a forma e a curvatura axeitada en relación co tamaño do balde. O latón mercábase nas fundicións e nas ferraxaría da cidade de Santiago. As madeiras íanas mercar a Santiago ou aos importadores ou exportadores de madeira que chegaban a Vilagarcía en barco. E algunhas veces cando nos talleres de RENFE desfacían vagóns de madeira de teca, mercáballes a teca aos traballadores de RENFE que a vendían.
A description... Balde madeira de teca e aros de latón.

Para facer os baldes o primeiro era fender a madeira en tiras (nunha medida estándar de trinta e sete ou trinta e oito centímetros aproximadamente) e facían as duelas, que desempenaban e se limaban coa rasqueta para igualar no grosor. Na parte inferior facíaselle as duelas unha entalla onde encaixar o fondo, que a súa vez leva un rebaixe en chafan que cadra co chafan da entalla. Unha vez feito isto era hora de armar o balde.
Para armalo, sentábase no banco escarranchado, collía un aro modelo da parte superior e ía enganchando duela a duela ata que o tiña pechado. Despois encaixáballe o fondo poñéndolle por enriba o aro modelo de abaixo, e logo poñía o do medio e deixábao provisionalmente sen axustar. A continuación preparaba os aros definitivos na fragua, remachándoos coas medidas correspondentes e facía as asas e máis a tapa, se esta era de metal, pois adoitaba ser de madeira. Os aros eran duns sete centímetros e medio de ancho. Na última etapa os baldeiros xa non remachaban os aros, levábannos a soldar os talleres de Renfe e tamén facían alí as letras.
A description... Detalle dos aros remachados.



A description... Tapa do balde feita en metal.

Na seguinte fase, unha vez que balde xa collera a forma, íase ao montaxe definitivo. Sacábanse os aros que se usaban como modelo, primeiro o do medio e o de abaixo e vernizábase por fora a madeira. Unha vez seco metíanse os aros definitivos de abaixo e do medio. E sacábase o aro pequeno modelo de arriba. E vernizábase a parte da madeira que quedaba. Despois colocábanse as asas e o aro pequeno. Axustaban os aros definitivamente e nas madeiras que non eran tropicais dábanlle brea para impermeabilizar polo interior.
A description... Detalle das asas.

As asas ao primeiro facianas eles, pero nos últimos tempos mercábanas xa feitas nunha ferraxería de Padrón.  
Por último, limábanse os aros para pulilos e facer que  brillaran, este era o traballo máis duro fisicamente.
Nunha semana eran capaces de facer unha media de catorce ou quince baldes.


  • AS COMPOSTURAS.
Outro dos traballos que facían os baldeiros eran as composturas, que era reparar os baldes que rompían, ou ben porque lle caían os donos cando ían por auga a fonte ou por un mal mantemento do mesmo, o algunha duela que se picaba ou se saía do sitio. Isto era no que ocupaban a maior parte do tempo durante a semana e quizais o que mais beneficios económicos reportaba, e logo a fin de semana aproveitaban o tempo para preparar baldes novos para vender nos mercados da zona.

  1. ONDE E COMO VENDIAN OS BALDES.
Os baldes vendíanos nos mercados dos arredores; os martes e os sábados ían a Vilagarcía; os mércores a Cambados; os luns a Caldas; e as veces os domingos a Padrón. E a todos estes lugares íase andando, agás a Padrón, que se ía en tren.
O bisavó Luís leváballe os baldes a avoa ata onde hoxe está o tanatorio de Cea, e dende alí a bisavoa Fina levábaos a cabeza ata Caldas, atravesando polo Pousadoiro. As veces, para transportalos ata Cambados usaban unha burra.
Ademais os baldes tamén se vendían en Vigo e en Noalla, e ata alí mandábanos no coche de liña do Sabas, que os entregaba nuns comercios onde logo se vendían. E despois os donos das tendas, unha vez vendidos, enviaban o importe do que venderan con un xiro a oficina de telégrafos. Iso mesmo ocorría cos que mandaban a Santiago, só que ata alí os baldes viaxaban en tren.  


  1. ANÉCDOTAS DA VIDA COTIÁ.
Alá polos anos da guerra, cando a miña bisavoa Fina ía a vender a Caldas os baldes, acompañábana as Carrachazas, outras mulleres que tamén vendían no mercado. Marchaban moi cedo pola mañá, cando o sol aínda non saíra, e como ás veces o bisavó non daba rematado os baldes ela chegaba tarde. As outras, que xa saíran pero que sabían que ela viña detrás, para que non pasase medo ían dicicindo:
-Socorro, andas ou non andas! Andas aí?!
E así utilizaban un nome falso, como se foran falado entre elas para que ninguén soubese que siña Fina viña soa detrás, e, ela usaba os berros como referencia para saber por onde ían as compañeiras de viaxe.

Nunha ocasión, deixáronlles unha burra para ir vender os baldes a Cambados. Ían a bisavoa Fina e o meu avó Juan, que por aquel entón tiña uns sete ou oito anos. Ao chegar ó Rial a burra parou e non andaba nin para diante nin para atrás, así que siña Fina mandou a Juanciño a buscar ao seu pai ó taller, que estaba en Guillán nunha casa que aínda existe. O  bisavó, que traballara toda noite, ao chegar o Rial e ver que a burra non quería andar co peso enriba, díxolle ó seu fillo que collera burra e que a levara para a casa. Mentres, el colleu os baldes botounos ao lombo, e comezou a correr cara Cambados, pois xa chegaban tarde.    
A description... Mulleres na fonte cos baldes.


  1. BIBLIOGRAFÍA:
  • Lembranzas de Juan Miguéns Barcala.
  • Entrevista a Benedicta Miguéns Barcala.
  • Entrevista a Jose Ángel Miguéns García.
  • Os oficios. Eligio Rivas Quintas. Ed. Gráficas ORENSANAS S.L

AUTOR: LOAIRA M.ª MIGUÉNS PÉREZ 1.º ESO B.

Ningún comentario:

Publicar un comentario