venres, 6 de febreiro de 2015

Sobre a historia de Cortegada

A illa de Cortegada está situada na ría de Arousa preto do estuario do río Ulla , fronte ás costas do Carril, no concello de Vilagarcía de Arousa. É a meirande illa do arquipélago de Cortegada, que contén ademais as illas Malveiras ou as illas Briñas, e está incluído no parque nacional das Illas Atlánticas. Únese á terra na baixamar polos viveiros. Ten unha extensión de 5 hectáreas e unha superficie de 2,5 quilómetros cadrados con algunhas praias e dous pequenos outeiros de pouco máis de 20 metros de altura cubertos por unha abundante flora; o maior bosque de loureiros da Península Ibérica, piñeiros, e outra vexetación. HISTORIA Na Idade Media foi un lugar relacionado coas peregrinacións a Compostela que viñan polo mar. Na illa construíuse unha torre de defensa ante as invasións dos normandos e musulmáns. En 1334 construíuse a ermida da Virxe dos Miragres, reconstruída en 1652 a carón do peirao, na que se celebraba unha romaría. Ao seu carón existía un lazareto para os mariñeiros que chegaban ao porto do Carril. Xunto dela existe un cruceiro. Hai outro cruceiro ao nordeste da illa, na punta Corveiro. A comezos do século XX había na illa unha poboación estable dunhas 70 persoas, na beira surleste, a máis abrigada. En 1907 unha comisión de nobres e industriais procurou mercar a illa para lla regalar ao rei Afonso XIII de España, coa idea de que construíse nela unha residencia estival. O 16 de xullo de 1910 rematou o proceso de compras e expropiacións dos terreos, e o 16 de xullo dese ano firmouse a escritura de cesión da illa á casa Real. Por entón xa estaba a construírse o palacio da Magdalena en Santander, polo que a illa quedou como coto de caza. O rei foi visitala nunha ocasión. Coa chegada da Segunda República Española a illa foi expropiada polo estado, construíndose un cuartel de carabineiros. En 1953 foi devolta a Juan de Borbón y Battenberg, que encargou a plantación forestal de eucaliptos e piñeiros. En 1978 vendeulle a illa a unha inmobiliaria, que tiña a idea de urbanizala e construír un campo de golf. Mais logrouse paralizar o proxecto, e o 13 de xuño do 2002 foi incluída no parque nacional das Illas Atlánticas para a conservación dos seus valores naturais. O 30 de agosto de 2007, cando foi expropiada pola Xunta de Galicia tralo pago dun xustiprezo de 1,8 millóns de euros, a illa volveu ser de dominio público. Miriam Moreiras, 1º A de ESO

Ningún comentario:

Publicar un comentario